top of page

ADELA STEINER REGUEIRO

A Regadeira de Adela quere recuperar a memoria dunha galega que foi pioneira das representacións artísticas en casas para un público reducido.

 

ADELA STEINER REGUEIRO (Karlovy Vary 1925, Compostela 1987)
Filla do poeta dadaísta checo Karel Steiner (Cesky Krumlov 1889-1938) e da galega Dolores Regueiro Taboada (Brión 1902- Praga 1939), tivo unha infancia marcada polas constantes viaxes entre España, Checoslovaquia, Suiza e Francia, e a morte dos seus pais.
Con catorce anos quedou orfa e foi vivir a Compostela coa familia materna. A sensibilidade da rapaza chocou co ambiente depresivo da posguerra da España dos anos corenta. 
Nos anos cincuenta fundou co poeta chileno Diego Rego (Valparaíso 1927- Compostela 1958) o que chamaron o movemento La Regadera, co que pretendían abolir as fronteiras entre as artes. “El arte es el agua que puede adoptar la forma de cualquier recipiente, no es el vaso ni la botella ni la propia regadera” . “Cabezas regaderas que vierten ideas para hacer crecer las plantas o para ahogarlas”. (Rego y Regueiro, 1950).
Na casa de Diego Rego, realizaban pequenos encontros literarios. Eses recitais foron derivando en performances, pequenas pezas de teatro, concertos ou bailes que se realizaban para poucas persoas.
Coa morte prematura de  Rego no 58, Adela continuou organizando as veladas ela soa, pero nunca resultaron igual. A xente comezou a tomala por tola, e chamarlle Adela, la Regadera, non solía ser co significado artístico que ela pretendía, se non de xeito despectivo.
En 1965 marchou a París, despois a Praga, e no 78 volveu a Galicia. Viviu un ano en Vigo e despois volveu a Santiago. Comezou a organizar eventos na casa de San Fiz de Solovio de novo entre 1980 e 1983. Morreu de cancro en 1987 no Hospital Xeral de Santiago.

bottom of page